Thursday 25 de April de 2024

O Concello e Stolt Sea Farm pretenden deseñar visitas guiadas para escolares á granxa de acuicultura


· Hoxe o goberno local realizou unha visita institucional á planta que a multinacional ten en Camariñas.

O goberno local de Camariñas realizou hoxe, venres 12 de novembro, unha visita institucional á planta que ten Stolt Sea Farm en Camariñas co obxectivo de establecer o primeiro contacto para deseñar visitas guiadas para escolares ás instalacións da empresa.

A multinacional, que é un referente mundial en acuicultura e que comezou a traballar en Camariñas no ano 2004, implementou un proceso de cría do rodaballo sostible e respectuoso co medio ambiente. Ao carón do Faro Vilán críase un rodaballo de calidade, que medra cos mellores cuidados baixo a atenta mirada dos operarios e operarias da empresa para despois ser exportado a decenas de países.

A alcaldesa, Sandra Insua, reuniuse co director de sustentabilidade da fábrica, Carlos Tavares, e ambos coinciden na importancia e o valor que terá para os escolares, tanto os dos colexios como os do instituto, poder coñecer as instalacións e como é o traballo que alí se fai.